Os viñedos
O principio de todo e algo máis....
Veigamoura é un viño da terra.
Situados a 280 metros de altitude no municipio Arbo, na subzona “Condado do Tea” da Denominación de Orixe Rías Baixas, os viñedos de Veigamoura atópanse na ladeira dunha montaña mirando ao Sueste, ao río Miño e ao río Deva, que discorren kilómetros máis abaixo, e ás montañas do Parque Natural de Peneda-Geres, que moitos días de inverno mostran os seus cumes nevados.
A viñas botaron raíz nun chan superficial, pouco fértil, sementado de lascas de granito, que actúan como reguladoras da temperatura e impiden a erosión da terra polas chuvias
Para nós, a composición do chan, o seu nivel fertilidade e a situación das parcelas son factores determinantes das características organolépticas de Veigamoura. Outro é a climatoloxía e o coidadosos que sexamos nas labores de cultivo.
O Chan.
Franco-areento, superficial e de escasa fertilidade, limita o vigor das cepas, e a produción de uva por hectárea das viñas (6000 Kg/ha) é moi inferior á media e aos rendementos autorizados polo Consello de Denominación de Orixe Rías Baixas. Pero o que é un inconveniente dende o punto de vista produtivo, é unha vantaxe dende o punto de vista cualitativo: ao ser menor o número de acios por cepa, aprovéitanse da actividade fotosintética dun maior número de follas, o que favorece a formación de azucres e consecuentemente a maduración dos grans. Ademais, un control sobre o vigor do viñedo limita a entrada de patoloxías - o que posibilita que os viñedos de Veigamoura reciban moi poucos tratamentos e ningún nos meses de xullo, agosto e setembro- que están asociadas a terreos moi fértiles e produtivos e que obrigan a efectuar un maior número de aplicacións con produtos fito-sanitarios para preservar a colleita.
A Poda e o Sistema de Condución.
Contribuír a controlar o vigor das cepas e a que sexa máximo o número de follas que participan na formación de azucres dos acios é o obxectivo da poda en cordón Royat (poda curta) coa que logramos, ademais, unha boa ventilación dos acios e unha maduración máis homoxénea, eludindo os efectos de acrotonía moi perceptible en cepas sometidas a poda longa. É, tamén, o obxectivo do sistema de condución en "espaleira aberta" que serve de guía e soporte á cepas e os seus órganos verdes, e que se eleva ata unha altura de 2.20 m sobre o nivel do chan.
A espaleira aberta ten un Índice de Densidade Foliar moi elevado, favorecendo a fotosíntese e a aireación, co que se ve mellorada a iniciación, a diferenciación floral, o crecemento, o estado sanitario, a calidade e maduración dos acios.